Thursday 16 de May de 2024

A Xunta retirou das praias galegas máis de 3.130 quilos de pellets e 7.700 quilos doutros plásticos


— O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra está conformado hoxe por máis de 400 persoas que traballan en 51 areais de 27 concellos mentres que por mar están mobilizados dous helicópteros e un total de 12 embarcacións

— O persoal mobilizado polo Goberno autonómico tamén inspeccionará medio cento de areais en seis concellos a petición das entidades locais

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento máis de 3.130 quilos deste material, o equivalente 125 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais 7.700 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias arredor de 360 quilos de pellets, o equivalente a 14 sacos deste material, así como 1.670 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.

O operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado pola Xunta está integrado hoxe por máis de 400 efectivos repartidos por 51 praias pertencentes a 27 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como oito patrulleiras de menores dimensións. A maiores, o Goberno central aporta ao operativo un avión, un helicóptero e unha embarcación.

Cómpre precisar que os medios aéreos e marítimos poden ver condicionada a súa actuación polas condicións meteorolóxicas e pola necesidade de atender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 2.000 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota.

A maiores, o persoal mobilizado polo Goberno autonómico tamén inspeccionará medio cento de areais en seis concellos a petición das entidades locais. Este procedemento enmárcase no protocolo de colaboración aprobado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) que establece que os concellos poden solicitar o apoio dos servicios habilitados pola Administración autonómica tanto para a limpeza dos seus areais como para a retirada de pellets recollidos polo seu persoal, por persoas voluntarias ou por outras entidades.